DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER
Un ano máis e varias, moitas, mortas máis. Son corenta dende que empezou o ano, a día de hoxe, 25 de novembro de 2016. Corenta mulleres asasinadas a mans de quen, supostamente, as quería. Esas mans que antes agarimaban trocáronse en empuñaduras, en coitelos, en armas... NON podemos permanecer calados (os homes, como corresponsabeis calados de tanta barbarie) e caladas (as mulleres, vítimas posibeis se isto non se frea). E hai que EDUCAR, CONCIENCIAR, ACTUAR. O IES Xelmírez 1 non permanece calado e manifesta a carraxe e a dor uníndose á campaña promovida polo Concello "Compostela en Negro". Proclamamos libre de violencias machistas todos os recintos do centro |
|
OS MICROMACHISMOS
Organizado por Argantael, alumna de 1º de Bacharelato, realizouse na sala da Biblioteca unha presentación-debate dos actos de violencia machista que poden pasar desapercibidos: ese machismo invisibel e sutil que atopamos na linguaxe, na prensa, na publicidade, nos xogos, nos xoguetes, nas grazas que se din despois dunha cea entre amigos.... María, estudante pertencente a ERGUER (Asociación de Estudantes da Galiza), presentou e conduciu un debate moi instrutivo.
VERBAS E GLOBOS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA
Sacamos os expositores da Biblioteca para a entrada do centro e cedémoslle a palabra as alumnas e alumnos do centro. Tamén lles solicitamos as súas mans para que deixasen impronta nos globos, que posteriormente se soltaron, de que XAMAIS serán armas de destrución, senón freo da barbarie. Nesa simbólica solta de globos, leuse o Manifesto contra a Violencia Machista do IES Xelmírez 1.
Hai que dar grazas ao Departamento de Plástica (en especial a Natalia) e ao alumnado que realizou os carteis e a lectura e solta de globos. |
|